ORDE do 26 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D).
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210510/AnuncioG0599-280421-0001_gl.html
Primeiro. Beneficiarias
As empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas, e deberán contar cun mínimo de 6 persoas traballadoras.
No caso da liña I (plans de igualdade) terán que contar como mínimo con 15 persoas traballadoras.
Segundo. Obxecto
Establecer as bases reguladoras, para o ano 2021, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas e incentivos a pemes, incluídas persoas traballadoras autónomas, para implantar sistemas de xestión de RSE (TR357B), a igualdade laboral (TR357C), así como para adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral (TR357D), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 26 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D).
Cuarto. Importe
Para a concesión destas axudas destínanse dous millóns seiscentos trece mil euros (2.613.000 €), de acordo coa seguinte distribución:
Liña I. Elaboración e implantación de plans de igualdade: seiscentos oitenta nove mil cincocentos euros (689.500 €).
Liña II. Conciliación: un millón seiscentos catorce mil euros (1.614.000 €).
Subliña 1. Incentivos para o fomento do teletraballo: douscentos corenta e sete mil cincocentos euros (247.500 €).
Subliña 2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria: setecentos corenta e sete mil cincocentos euros (747.500 €).
Subliña 3. Investimentos: seiscentos dezanove mil euros (619.000 €).
Liña III. Certificacións RSE: trescentos nove mil cincocentos euros (309.500 €).
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.