Ás 21:00 horas do 9 de xullo celebrouse a Asemblea Xeral do GDR Salnés-Ulla-Umia nas instalacións de Exposalnés, en Cambados (Paseo da Calzada), na que se aprobaron todos os puntos incluídos na orde do día. Entre eles figuraban a acta da sesión anterior, as contas anuais do exercicio 2025, a Memoria Anual 2025, o Orzamento e o Plan de Actuación para o exercicio 2026, así como o Informe Anual de Avaliación e Seguimento correspondente ao ano 2025.
Durante a sesión tamén se informou sobre a planificación do período LEADER 2023-2027. Neste marco, lembrouse que a convocatoria de axudas correspondente a 2026 conta cun orzamento total de 981.910,24 euros, destinado ao financiamento dos 45 expedientes presentados para as anualidades 2026-2028, distribuídos en proxectos produtivos promovidos por empresas; proxectos non produtivos impulsados por entidades locais; e proxectos non produtivos de carácter privado, presentados por asociacións e comunidades de montes.
No transcurso da Asemblea tamén se deu conta da preocupación existente no conxunto dos Grupos de Desenvolvemento Rural ante a proposta de Marco Financeiro Plurianual presentada pola Comisión Europea, que podería comprometer o futuro do segundo piar da Política Agraria Común (PAC) e deixar sen financiamento específico o programa LEADER. Ante esta situación, diferentes asociacións españolas de Grupos de Desenvolvemento Rural uniron esforzos para elaborar un Manifesto en Defensa do Medio Rural, no que expresan o seu firme rexeitamento á proposta e reclaman que o desenvolvemento rural continúe contando cun financiamento propio e diferenciado dentro da PAC. O documento pon en valor o papel desempeñado polos GDR e pola metodoloxía LEADER como ferramentas fundamentais para impulsar o desenvolvemento económico, social e ambiental do rural, así como para favorecer a fixación de poboación e a creación de oportunidades nos territorios.
A Asemblea serviu tamén para dar a benvida ás dúas novas entidades que se incorporan ao GDR, a Asociación Salnés Empresarial e APROMETUR. Así mesmo, aprobouse a súa integración na Mesa das Asociacións Empresariais.
O GDR Salnés-Ulla-Umia reitera o seu compromiso co modelo de “Portas Abertas”, que promove a participación activa de asociacións, entidades e organismos interesados en contribuír ao desenvolvemento e á dinamización do medio rural. As entidades que desexen incorporarse ao GDR poden presentar a ficha de socio e o certificado de adhesión, documentos dispoñibles na páxina web
da entidade ou solicitándoos directamente na súa oficina.






