De cara a continuidade da liña de traballo iniciada no ano 2018 coa celebración do I ENCONTRO LEADER GALICIA 2014-2020, a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia pretende consolidar, potenciar a ampliar o formato deste II Encontro Leader Galicia 2014-2020.
Os obxectivos do Evento son dar a coñecer e poñer en valor a Medida Leader 2014-2020, e o traballo e a contribución dos GDRs de Galicia na dinamización socioeconómica do rural galego, así como crear un foro itinerante de divulgación dos avances e logros do Leader e como espazo de debate e intercambio de coñecementos e experiencias, tanto entre o persoal das Administracións Públicas e os técnicos vinculados aos GDRs, como entre os beneficiarios das axudas Leader e das empresas con vocación máis innovadora. Este tipo de encontros se ven como moi necesarios para mellorar a visibilidade e coordinación do programa Leader así como para fomentar o traballo en rede entre distintos axentes do rural.
Vista a posibilidade e idoneidade de tematizar cada ano o Evento Leader nun eixo temático central (turismo, produción alimentaria, patrimonio, servizos sociais….), a Asociación de GDRs de Galicia propuxo que o eixe central do Encontro Leader Galicia do ano 2019 sexa o TURISMO como elemento dinamizador do medio rural aproveitando as oportunidades que pode brindar a aposta estratéxica da Xunta de Galicia polo Xacobeo 2021.
Vista a proposta da Asociación de GDRs de Galicia de poñer en marcha os PREMIOS LEADER para persoas beneficiarias de axudas Leader, nesta primeira edición no 2019 utilizarase o II Encontro Leader como plataforma para lanzar o anuncio destes premios, e ser resoltos a finais do ano.
O II Encontro Leader Galicia “ O Leader e o Turismo como Dinamizadores do Rural” celebrarase o mércores 11 de setembro en A Estrada (Pontevedra) en horario de 10 da maña as 19.30h da tarde.
Contaremos cunha carpa aberta na Praza do Concello onde se exporán imaxes e fotos dos GDRs, videos, merchandising.
Pola maña presentaranse os premios Leader, recibiranse as Autoridades e terán lugar as intervencións institucionais, así coma unha mesa redonda sobre o Leader e a Nova PAC. De seguido ao mediodía realizarase unha degustación de produtos dos 24 GDRS dentro da carpa (esta degustación é aberta a todo o público en xeral). Xa pola tarde, despois do xantar, presentaranse os grandes fitos turísticos dos GDRs e coma clausura do Encontro unha actuación musical. Haberá ademais pola tarde Xogos populares para os cativos e durante todo o dia instalarase un Punto Violeta (Secretaría Xeral de Igualdade) ao carón da carpa
II ENCONTRO LEADER GALICIA: “O LEADER E O TURISMO COMO DINAMIZADORES DO RURAL”
Lugar: A Estrada (Pontevedra)
Data: 11 de setembro
Horario: De 10h a 19,30h