O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra (GALP-RP) celebrará o vindeiro luns 17 de novembro unha xornada informativa sobre as axudas que xestiona no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027. O encontro desenvolverase ao longo da mañá, a partir das 10:00 horas, no Club Náutico de Portonovo, grazas á colaboración do propio club, do Concello de Sanxenxo e do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Salnés-Ulla-Umia.
A finalidade desta xornada é dar a coñecer as oportunidades de financiamento que ofrece o GALP-RP para proxectos que contribúan ao desenvolvemento sostible do territorio, á posta en valor dos recursos mariños, á diversificación económica do sector, á mellora dos procesos de comercialización ou da calidade de vida das comunidades costeiras. A xornada está aberta ao público interesado na presentación de proxectos que teñan que ver coa posta en valor da pesca e do medio rural, en particular praceiros e praceiras de Portonovo e Sanxenxo, polo que tamén intervirá o GDR Salnés-Ulla-Umia para presentar a súa liña de axudas e, deste xeito, cubrir as demandas de todos os sectores produtivos presentes nas prazas.
Durante a sesión, o equipo técnico do GALP explicará as liñas de axuda dispoñibles, os requisitos e criterios de selección ou as claves para deseñar proxectos aliñados coa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). Así mesmo, ofrecerase orientación directa ás persoas asistentes interesadas en presentar iniciativas.
A participación é gratuíta, mais é necesario inscribirse previamente a través do seguinte formulario. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co GALP Ría de Pontevedra no teléfono 886 213 015.





