AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL
RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras dos premios ao desenvolvemento rural de Galicia, e se procede á convocatoria da décimo quinta edición (código de procedemento MR709A).
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural foi creada pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, como o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o despoboamento deste territorio.
No exercicio das funcións que ten encomendadas, correspóndelle á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural promover as condicións para que os axentes socioeconómicos locais das zonas rurais formulen iniciativas de desenvolvemento. Neste marco, resulta de interese poñer en marcha actuacións que animen a participación privada no proceso de desenvolvemento rural e que contribúan a conservar e dinamizar o contorno rural facendo del un medio máis atractivo.
Por estas razóns, considérase conveniente convocar os premios ao desenvolvemento rural de Galicia, coa finalidade de premiar aquelas actuacións que contribúan de forma singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada.
A facultade para aprobar as bases dos premios ao desenvolvemento rural de Galicia e para convocalos está delegada na persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, segundo o acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural do 11 de xullo de 2013, sobre delegación de funcións do Consello de Dirección, publicada mediante a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).