Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as persoas mozas que teñan entre 18 e 35 anos e estean domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, e que conten cunha traxectoria relevante na modalidade do premio a que concorran. Para estes efectos, os méritos que motivan a candidatura deben estar referidos a circunstancias acreditadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.
Segundo. Obxecto
Regular o procedemento de concesión dos premios ao talento mozo na Comunidade Autónoma de Galicia para o recoñecemento de traxectorias excelentes e proxectos impulsados e postos en marcha por mozos e mozas galegos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023.
Cos premios Talento Mozo Galicia tratarase de recoñecer e visibilizar o talento e as capacidades da xuventude galega, nas modalidades de ciencia, rural, deporte, empresa e cultura e creación.
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 31 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases que rexen a concesión dos premios Talento Mozo Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS327A).
Cuarto. Contía
A contía global da convocatoria é de 25.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.313A.480.1, de acordo cos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.
Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas na orde de convocatoria, cuxa dotación económica será de 5.000 euros por modalidade.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Sexto. Outros datos
A concesión da axuda tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Para a valoración dos expedientes constituirase un xurado cuxos membros serán designados entre persoas destacadas no ámbito institucional e/ou social pola súa relevancia profesional e persoal en cada unha das modalidades dos premios.
O premio é compatible con outros outorgados coa mesma finalidade por outras entidades, órganos ou organismos públicos ou privados.