ORDE do 31 de decembro de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D).
Primeiro. Beneficiarias
Poderán ser empresas solicitantes pemes ou traballadores autónomos, que teñan subscritos contratos con traballadores por conta allea con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento da presentación da solicitude de axuda.
Para as liñas II e III tamén poderán presentarse as empresas con centros de traballo en Galicia.
No caso da liña I, as empresas deberán ter un mínimo de dez traballadores e un máximo de 49.
Para a liña II, se a solicitude é das subliñas 1 e 3, as empresas deberán contar cun mínimo dun traballador e se a solicitude é da subliña 2, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco traballadores.
Para a liña III, as empresas deberán contar cun mínimo de 5 traballadores.
Segundo. Obxecto
Establecer as bases reguladoras, ata o ano 2023, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas e incentivos ás pemes, incluídas as persoas traballadoras autónomas, para implantar sistemas de xestión da RSE (TR357B), a igualdade laboral (TR357C), así como como para adoptar medidas de corresponsabilidade e conciliación da vida familiar, persoal e laboral (TR357D), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 31 de decembro de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D).
Cuarto. Importe
Para a concesión destas axudas destínanse un millón catrocentos mil euros (1.400.000 €), segundo a seguinte distribución:
Liña I. Elaboración e execución de plans de igualdade: douscentos cincuenta mil euros (250.000 €).
Liña II. Conciliación: un millón cincuenta mil euros (1.050.000 €).
Subliña 1. Incentivos para o fomento do teletraballo: cento cincuenta mil euros (150.000 €).
Subliña 2. Incentivos para promover a flexibilidade horaria: setecentos mil euros (700.000 €).
Subliña 3. Investimentos: douscentos mil euros (200.000 €).
Liña III. Certificacións RSE: cen mil euros (100.000 €).
Quinta. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.