O Centro de Interpretación da Caña do País converteuse en punto de encontro de adegueiros das catro Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Galicia nunha xornada divulgativa promovida por seis Grupos de Desenvolvemento Rural, entre eles o GDR Salnés-Ulla Umia.
O asociacionismo no sector vitivinícola e a recuperación de terras para o seu cultivo foron os temas centrais das xornadas divulgativas que se celebraron en Valga e Rianxo os días 24 e 25 de maio, nas que as protagonistas foron as 15 adegas que forman a IXP de Viños Galegas, que estiveron acompañados pola Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé Riveira, o Director Xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos Corral, e os alcaldes de Valga, Pontecesures e Rianxo entre outros da Comarca.
Na xornada do martes 24 de maio, José María Bello Maneiro, alcalde de Valga, deu a benvida aos participantes e referiuse á tradición vinícola de Valga, que ten como principal expoñente á caña do país, e anunciou que o Concello está a promover xunto a Consellería do Medio Rural a creación dunha zona de plantación de viñedos no municipio. Juan Manuel Vidal Seage, alcalde de Pontecesures e presidente do GDR Salnés-Ulla-Umia, sinalou a necesidade de establecer unha simbiose entre adegas e institucións.
José Luis Cabarcos, Director da AGACAL, despois de presentar as potencialidades de futura lei da cadea alimentaria puxo o foco na importancia do futuro das IXP de viño dentro da proxección de produtos de calidade e variedades autóctonas a nivel nacional e internacional.
Para rematar a sesión vespertina, tivo lugar unha degustación de viños da adega Torres Augusti. O seu responsable, Manuel Bandín, referiuse aos caldos da IXP Terra de Barbanza e Iria coma “viños atlánticos, con sabor”, unhas características que veñen dadas, en boa parte, polos terreos “bastante graníticos” nos que se atopan as plantacións. Os viños desta IXP elabóranse con uva albariña e en Valga existen varias plantacións nas zonas de Sixto, Louro e Ferreirós.