O túnel inaugurouse coa lectura dunha declaración institucional a través da que se busca o compromiso das entidades locais cos viños das Indicacións Xeográficas Protexidas para a promoción dos seus viños, o fomento do seu consumo e o reforzo do sector vitícola no territorio.
Esta declaración contou co apoio dos Concellos de Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal,Dodro, Valga, Pontecesures, Catoira, Portas, Ribadumia, Ribeira e outros concellos que forman parte da IXP Barbanza-Iria e comarcas limítrofes, así como adegueiros de toda Galicia, o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, a presidenta da asociación Ambar, e representantes dos Grupos de Desenvolvemento Rural Deloa e Salnés-Ulla-Umia, así como dos outros GDR que participan no proxecto.
Pola tarde, no Túnel do viño, case un cento de persoas tanto do sector da hostalaría como público xeral puideron coñecer e probar viños das catro Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia: Bodegas Torres Augusti, Adega Entre os Ríos, Bodegas Calidade Antonio Saborido e Cazapitas na IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria; Adega Ardan, Adega Os Areeiros, Mercedarios do Mosteiro de Poio, Reboraina e Videiras no Mar na IXP Ribeiras do Morrazo; Pagos de Brigante, Casa Beade, Adegas Bordel, Adegas Rilo na IXP Viños da Terra de Betanzos e Adega Terras Mancas e Vides Singulares na IXP Val do Miño-Ourense.
A través de catas comentadas o sumiller Martiño Santos Canosa, puxo o foco nas potencialidades dos viños das IXP como complemento dunha oferta gastronómica actual, así como a singularidade das diferentes marcas que se comercializan baixo cada unha das Indicacións, que nos permiten coñecer novas variedades de uvas.