Persoas e entidades beneficiarias
a) Microempresas e pequenas empresas situadas en zonas rurais.
b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.
c) Titulares dunha explotación agraria ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.
Obxecto
Regular o procedemento de concesión das axudas que xestionará a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020 destinadas a:
a) Adquirir maquinaria e equipamento co fin de mellorar, ampliar e/ou modernizar as empresas existentes que desenvolven actividades non agrícolas en zonas rurais, co fin de reforzar o tecido empresarial no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos, consolidar os existentes e, en última instancia, dinamizar a economía dos territorios rurais.
b) Pór en marcha novas actividades empresariais de carácter non agrícola nas aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación destas bases reguladoras.
Para estes efectos, o día da publicación no DOG da correspondente convocatoria de axudas estará dispoñible, no enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda, a relación de aldeas modelo declaradas polos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.