ORDE do 30 de abril de 2021 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2021 (código de procedemento BS306B).
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210514/AnuncioG0425-030521-0001_gl.html
Primeiro. Beneficiarios
1. Grupos informais de entre 5 e 8 mozos e mozas, debidamente identificados, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos e empadroados na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, se for o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación. Deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Segundo. Obxecto
O establecemento das bases reguladoras da concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia que se desenvolvan durante o ano 2021 e nas cales as persoas novas participen activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 30 de abril de 2021 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2021 (código de procedemento BS306B).
Cuarto. Contía
A contía global da convocatoria é de 400.000,00 euros. Finánciase o 100 % do proxecto, cuxo orzamento non poderá ser superior a 5.000 euros.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Sexto. Publicación
A publicación no Diario Oficial de Galicia dos actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento producirá os efectos de notificación.
Sétimo. Outros datos
O período subvencionable abrangue desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2021.
Coa presentación da solicitude achegarase o proxecto de iniciativas xuvenís seguindo o modelo publicado na convocatoria.
Todas as entidades e grupos aos cales se lles conceda a axuda e o soliciten recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida.
A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva. Requírese unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.