O conselleiro do Medio Rural fixo balance destes datos nun encontro mantido coa asociación de GDR de Galicia.
José González destacou que en só dous anos -2017 e 2018- o Leader posibilitou investimentos por valor de 86,6 millóns de euros en Galicia.
Na reunión valorouse que a medida Leader actual conta xa cunha execución dun 90%, algo polo que o responsable autonómico felicitou aos diferentes grupos.
O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo un encontro coa Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, presidida por José Antonio Santiso Miramontes, na que se fixo balance do éxito da execución do programa Leader. Na reunión, valorouse a boa marcha dos proxectos executados polos distintos GDR, que en só dous anos de convocatorias (as de 2017 e 2018) lograron xerar 886 empregos na nosa comunidade e consolidar outros 4.342 para un período de cinco anos.
Nesta reunión, na que tamén estivo presente o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), ente responsable de xestionar estas achegas europeas, Miguel Pérez Dubois, valorouse o éxito deste programa que logra desenvolver o rural desde perspectivas como o turismo, a formación, os servizos sociais, o apoio ao patrimonio, etc. Isto é así, segundo explicou o conselleiro, grazas ao importante orzamento que se inviste nel.
Así, cabe lembrar que a convocatoria de 2017, a primeira do novo programa Leader 2014-2020, tiña un orzamento asignado para as axudas superior aos 18 millóns, o que supuxo un investimento inducido de case 45 millóns de euros nas contornas rurais de toda Galicia grazas a 399 proxectos executados a través destas achegas. A estas cifras hai que sumar, explicou José González, outras 371 iniciativas correspondentes coa seguinte convocatoria, a de 2018, cun orzamento asignado superior aos 19 millóns de euros e que supuxeron un investimento inducido de máis de 41,5 millóns de euros.
Con estas cifras sobre a mesa, o titular de Medio Rural, destacou que en só dous anos o Leader posibilitou investimentos por valor de 86,6 millóns de euros en Galicia. No que respecta á presente convocatoria 2019, están previstas achegas por valor de 16,5 millóns de euros.
Segundo os datos analizados no encontro, a medida Leader actual conta xa cunha execución dun 90%, algo que valorou positivamente o conselleiro, que ademais aproveitou para felicitar aos grupos pola súa implicación neste programa. José González destacou a transversalidade deste plan e a diversidade de proxectos que se aproban. “Falamos de pequenos proxectos de investimento de pequenas empresas e de iniciativas de entidades sen ánimo lucro ou de concellos que de media reciben uns 50.000 euros de axuda”, declarou o responsable autonómico, polo que as achegas están moi repartidas