O vindeiro venres 7 de outubro ás 17.30 no Museo Meirande de Redondela.
Abrirá o faladoiro o sumiller Luis Paadín, autor da «Guía de Vinos, Bodegas y Destilados de Galicia 2022», cun relatorio titulado «Retos nun mercado cambiante: posicionamento das IXP». Juan Carlos Vázquez Abal, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), continuará poñendo o foco nos retos para unha viticultura sostible nos nosos días.
O mestre gaiteiro, artesán e técnico en cultura tradicional Xavier Blanco, da Fundación Legar, abordará nunha actuación musical a representación da música tradicional na cultura do viño.
O evento, que rematará coa degustación de viños galegos con IXP, servirá tamén como resumo das actividades desenvolvidas no último ano dentro do proxecto de cooperación para a Dinamización e promoción das Indicacións Xeográficas Protexidas de Viños de Galicia, que dende novembro de 2021 percorreu catro das IXP galegas para dar a coñecer os seus produtos: viños de calidade, auténticos e diversos, que manteñen valores artesanais con arraigamento histórico e empregando materias primas naturais coidadas por produtores locais.
A asistencia é gratuíta con prazas limitadas. É necesario inscribirse a través da web viños.ixp.gal