ABANCA e o GDR Salnés-Ulla-Umia traballan para impulsar novos proxectos e mellorar a sostibilidade
- A entidade financeira e o grupo de desenvolvemento rural renovan o seu
acordo co foco posto nas inversións e na mellora da competitividade - O banco comprométese co tecido produtivo da comarca para facilitar a
creación de emprego - Os asociados terán acceso a unha ampla oferta financeira con condicións
vantaxosas
ABANCA e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Salnés-Ulla-Umia veñen de renovar, un ano máis, un acordo de colaboración que ten o foco principal posto en responder ás necesidades dos empresarios e crear emprego e autoemprego no sector servizos, industrial e agrogandeiro da comarca.
O texto foi rubricado esta mañá en Pontecesures (Pontevedra), por parte do coordinador territorial de Convenios Privados de ABANCA en Pontevedra, José Liñeira, e polo presidente do GDR, Juan Manuel Vidal.
O acordo pon o foco na reactivación económica mediante o crédito co obxectivo de poñer en marcha novos proxectos e mellorar a competitividade dos actuais. Os beneficiarios terán acceso a condicións melloradas na contratación de produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos e subvencións ou avais.
Así mesmo, o convenio inclúe unha oferta específica para os proxectos agrogandeiros, con créditos e préstamos específicos para o sector, liñas de comercio exterior, desconto comercial ou confirming.
Os empresarios vinculados ao GDR, poderán gozar das vantaxes que lles ofrece o Programa Servizos ABANCA, que permite aforrar no pagamento dos servizos bancarios máis habituais. A maiores, o banco tamén ofrece xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica para os interesados. Desde as oficinas de ABANCA facilitarase información relativa ás opcións de financiamento a través dos convenios oficiais que o banco ten subscritos con diversos organismos públicos.