Primeiro. Beneficiarias
As empresas privadas, xa sexan persoas físicas que realicen actividade económica ou persoas xurídicas legalmente constituídas, que acrediten, coa solicitude de subvención, o cumprimento dos seguintes requisitos:
- Ter domicilio fiscal ou polo menos un centro de traballo en Galicia.
- Non ter contratado nin poder contratar en condicións de mercado, na localización obxecto de solicitude, servizos de banda larga ultrarrápida, con trinta (30) ou máis megabits por segundo de descarga (fluxo de datos no sentido da rede ao usuario), estando polo tanto illada das redes que prestan estes servizos.
- Non estar no marco de actuación de plans de despregamento en curso de redes de banda larga ultrarrápida, e estar polo tanto a empresa illada destas redes.
Segundo. Finalidade
Concesión de subvencións a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida.
As subvencións reguladas nas presentes bases ampáranse no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado mediante a Decisión de Execución da Comisión C (2021) 4527 final, do 17 de xuño de 2021, a cal prevé actuacións encamiñadas a axudas directas á provisión de acceso á banda larga ultrarrápida dentro da medida 7 de apoio aos servizos básicos e renovación da poboación rural, na submedida 7.3 de apoio ás infraestruturas de banda larga. O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 está cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao 7,5 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e ao 17,50 % pola Xunta de Galicia.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 9 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de dsenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR604A).
Cuarto. Importe
Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 878.118,61 euros que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 04.A1.571A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022. Este orzamento execútase dentro do código de proxecto 2016 00001 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Este crédito está cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 7,5 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 17,50 % pola Xunta de Galicia no marco da submedida 7.3 de apoio ás infraestruturas de banda larga, en particular á súa creación, mellora e ampliación, ás infraestruturas de banda larga pasivas e á oferta de acceso á banda larga e a solucións de administración electrónica do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
A intensidade da subvención que se poida conceder a cada beneficiario coincidirá coa indicada na súa solicitude cun máximo de 20.000 euros de subvención por proxecto subvencionado, sen menoscabo das limitacións adicionais que estableza o marco normativo de aplicación.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Corenta e cinco (45) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil.