O GDR SALNÉS ULLA UMIA participa, xunto cos outros 23 GDRs de Galicia e a Consellería do Medio Rural, na campaña de dinamización “O rural vive, Vive o rural”, co obxecto de contribuír á reactivación económica e social do territorio despois das consecuencias negativas da pandemia do coronavirus.
A campaña O rural vive, Vive o rural busca dinamizar a economía do rural, con 40 iniciativas para promover os sectores agroalimentarios, turísticos, e comercio local, e dar maior proxección ao papel da muller no campo ao tempo que se pon en valor a labor de dinamización que os GDR levan facendo durante 30 anos.
Esta campaña é un recoñecemento á importancia do noso territorio rural galego e unha invitación para gozar das nosas comarcas, apoiando a súa actividade económica, tanto produtiva como turística a través de accións publicitarias conxuntas en TVG, Radio Galega e as redes sociais.
Proximamente e coma unha das actividades deste proxecto, se porá en marcha un concurso no que se sortearán lotes turísticos, de comercio local e de produtos agroalimentarios, no cal o GDR xunto coa colaboración da QUINTA DE SAN AMARO aportará unha experiencia rural no noso territorio consistente nunha estancia para dúas persoas, visita a adega da contorna e degustación dos nosos viños.