Cambados acolleu onte a décima Asemblea Xeral do Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla-Umia. Un encontro no que se aprobaron as contas anuais de 2023, presentáronse os orzamentos de 2024 e avaliáronse os resultados dos 224 proxectos que conseguiron achegas no marco do programa LEADER 2014-2020. Unhas axudas que roldaron os 2,9 millóns de euros.
Dende o 2014, o Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla-Umia apoiou a posta en marcha de 224 proxectos, no marco do programa LEADER 2014-2020. Proxectos que, no seu conxunto, recibiron axudas de case 2,9 millóns de euros e que representan máis de 13 millóns de investimentos repercutidos nas comarcas do GDR.
Estes datos foron tratados onte na décima asemblea xeral do grupo que se celebrou en Cambados.
No marco deste encontro, a directiva do GDR deu tamén conta da próxima sinatura dos convenios para conseguir novos fondos do Plan Estratéxico da Política Agraria Común do LEADER 2023-2027. Tamén da próxima convocatoria de axudas, que agardan poñer en marcha a principios do vindeiro ano.
A esta asemblea xeral asistiron representantes de asociacións como Mulleres Rurais de Ribadumia, BATA de Vilagarcía, O Batuqueiro de Cambado, Rousa Moza, a Asociación Española contra o Cancro de Sanxenxo ou a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Noalla. Tamén representantes da Deputación de Pontevedra e dos concellos de Cambados, Portas, Moraña, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Ribadumia ou Meis.
FONTE: CANAL RÍAS BAIXAS