Primeiro. Beneficiarias
- Poderán acceder á condición de beneficiario das subvencións obxecto da presente resolución:
- a) Persoas físicas ou xurídicas e organizacións ou entidades directamente vinculadas á produción primaria en agricultura, gandaría e/ou silvicultura.
- b) Persoas físicas ou xurídicas primeiras transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.
- Na realización da actividade subvencionada poderán participar, ademais dos beneficiarios regulados no punto 1, os axentes cooperantes, podendo adquirir tal condición as seguintes entidades:
- a) Persoas físicas ou xurídicas e organizacións ou entidades (ambas as dúas sen ánimo de lucro) dedicadas á produción primaria en agricultura, gandaría e/ou silvicultura, así como á transformación do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.
- b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación.
- c) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.
- d) Entidades asesoras na conservación ou uso sustentables dos recursos naturais.
- e) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.
Segundo. Obxecto
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022. O seu código de procedemento é MR331A.
En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica ou fundamental nin investigacións independentes.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR331A).
Cuarto. Importe
- O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 14.A2.561A.770.0, código de proxecto 201600217, por un valor total de 2.401.315,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 480.263,00 euros en 2022, 1.440.789,00 euros en 2023 e 480.263,00 euros en 2024.
De acordo co artigo 25.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión das subvencións.
- De acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 30.2 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia.
- As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 2,5 %.
A determinación da contía das axudas realizarase en función do número de solicitudes presentadas e da dispoñibilidade orzamentaria, de acordo cos criterios de priorización establecidos no artigo 16 da resolución.
A intensidade da axuda aos proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías será do 80 % dos gastos subvencionables.
A contía máxima subvencionada en cada iniciativa de cooperación será de 150.000,00 euros. Non se admitirán proxectos cuxa contía real de execución sexa superior a 200.000,00 euros.
Quinto. Obriga de relacionarse electronicamente
Tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.