• INTERRITMOS: SONS DO RURAL, regresa cun circuíto musical ao vivo de grupos e bandas de diferentes estilos musicais, con base na música tradicional e de raíz galega.
• Nesta edición, INTERRITMOS é promovido por 3 Grupos de Desenvolvemento Rural: a Asociación de Desarrollo Local DELOA, promotora das anteriores edicións, o GDR Salnés-Ulla-Umia e o GDR Ribeira Sacra-Courel.
• INTERRITMOS busca promover a cultura como motor de desenvolvemento territorial, así como dar visibilidade e potenciar a profesionalización de grupos e bandas que apostan pola evolución da música tradicional e de raíz.
• De entre todos os inscritos seleccionaranse 6 finalistas que participarán nun ENCONTRO MUSICAL no Náutico de San Vicente do Mar, O Grove.
Os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Asociación de Desarrollo Local Deloa, Salnés-Ulla-Umia e Ribeira Sacra-Courel asinaron un convenio de colaboración para traballar en rede no Concurso INTERRITMOS: SONS DO RURAL, proxecto enmarcado dentro da Medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020, que busca a potenciación do patrimonio musical galego.
O Concurso está destinado a músicos/as, grupos e/ou bandas instrumentais e/ou vocais, de ata un máximo de 8 compoñentes, con traballos que versen tanto na recreación ou evolución de pezas tradicionais, como en pezas de nova creación que beban da música de raíz.
Para o desenvolvemento de INTERRITMOS primeiro terá lugar un concurso de maquetas en liña. De entre todos/as os/as participantes, un xurado profesional seleccionará seis finalistas que participarán nun encontro musical o 25 de setembro no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove. Neste Encontro Musical, a través dunha actuación en directo, serán seleccionados dous grupos/artistas gañadores, que realizarán un circuíto musical ao vivo nos territorios implicados.
O prazo para a presentación de maquetas está aberto desde o 25 de agosto ata o 13 de setembro de 2021, ás 14.00 horas, a través do seguinte enlace: https://interritmos.deloa.es
Outra novidade nesta edición do INTERRITMOS 2021 é a celebración de coloquios e charlas que tratarán de distintos aspectos da evolución da industria cultural e da música tradicional, que contarán con figuras de relevancia no sector musical tradicional, así como coa presenza de profesionais dos medios de comunicación no eido da música.
Tanto as bases do concurso, como o programa completo de INTERRITMOS están publicados na web https://interritmos.deloa.es e nas redes sociais de Asociación Deloa, GDR Salnés-Ulla-Umia e GDR Ribeira Sacra-Courel.