O prazo é do 12 de febreiro ao 11 de marzo.
A Axencia de Turismo de Galicia vén de lanzar unha nova convocatoria da liña de axudas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración (código de procedemento TU503A), dirixida a impulsar a modernización e mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da comunidade.
Esta iniciativa busca reforzar a competitividade do sector turístico galego mediante investimentos que melloren a accesibilidade, renovan instalacións, implantan sistemas de eficiencia enerxética e dixitalización, entre outras actuacións subvencionables.
Que proxectos son subvencionables?
Poderán beneficiarse destas axudas aqueles proxectos que comecen a partir do 1 de xaneiro de 2025 e inclúan algunha das seguintes melloras:
1. Actuacións dirixidas á mellora das condicións de accesibilidade e á eliminación de barreiras arquitectónicas.
2. Obras dirixidas á mellora das instalacións co obxectivo de obter certificacións de calidade, especialmente a Q de Calidade Turística.
3. Actuacións dirixidas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
4. Renovación e modernización das instalacións e embelecemento da contorna da instalación.
5. Equipos móbiles necesarios para o funcionamento.
6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade mediante a implantación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación de aire.
7. Actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento. O investimento en equipamento e telefonía móbil non poderá superar o 5% do orzamento total do proxecto nin da contía xustificada.
8. Adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación dos servizos.
O investimento neto permitido para cada proxecto pode alcanzar ata os 100.000 euros, cunha subvención que cubra ata o 60% do orzamento total, cun máximo de 60.000 euros por beneficiario. As solicitudes estarán abertas desde o 12 de febreiro ás 00:59 ata o 11 de marzo ás 23:59.