O asociacionismo no sector vitivinícola e a recuperación de terras para o seu cultivo son os temas centrais das xornadas divulgativas que se celebrarán en Valga e Rianxo os días 24 e 25 de maio.
O sábado 28 terá lugar no Pazo de Goiáns (Boiro), o Túnel do viño, no que profesionais da hostalaría e público xeral poderán coñecer os viños desta IXP e das outras tres que existen en Galicia. Ese mesmo día, celebrarase un acto institucional de apoio no que participarán representantes de concellos e da administración pública
Un proxecto de cooperación
6 GDRs: GDR SALNES ULLA UMIA, GDR DELOA, GDR PONTEVEDRA MORRAZO, GDR ARDECOU, GDR MARIÑA – BETANZOS, GDR EURURAL e 15 Adegas das 4 Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de viños de Galicia xuntan os seus esforzos nun proxecto de cooperación para dinamizar o sector vitivinícola e contribuír a súa consolidación e crecemento futuro.
Os obxectivos do proxecto son dinamizar os operadores e establecer canles de colaboración entre as catro IXP vitícolas de Galicia, impulsando o sector vitivinícola en cada un dos territorios; contribuír a consolidar e/ ou aumentar o número de marcas comerciais; mellorar as canles de divulgación, promoción e comercialización dos viños así como a formación en proxección e comercialización dos elaboradores, favorecendo un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas. Tamén se busca favorecer o posicionamento como destino enoturístico das comarcas que forma cada IXP.
O proxecto está co-financiado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.