Prazo
Prazo de presentación: ABERTO
06/03/2021 – 18/05/2021
O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 18 de maio de 2021.
Documentación para a presentación
1. As solicitudes presentaranse anualmente en formulario dirixido á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) conforme o anexo I desta orde, acompañado da documentación complementaria que se indica no artigo 7.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento .
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de solicitantes persoas xurídicas, documentación acreditativa da condición de representante da persoa que asina a solicitude.
b) Certificación do consello regulador correspondente que acredite que se trata dun agricultor que participa por primeira vez no réxime de calidade e indique a data de incorporación ao dito réxime. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo II.
c) No caso de agricultores que solicitan a axuda por iniciar a actividade nunha nova orientación produtiva en agricultura ecolóxica, certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) conforme esta nova orientación produtiva acada a dimensión mínima que se establece no anexo III. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo IV.
d) No caso de solicitantes que participan nalgún outro réxime de calidade, certificación do consello regulador correspondente que acredite a súa inscrición. Poderase utilizar o modelo de certificación que figura no anexo V.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideean obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que for realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou reña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
d) Estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.
e) Estar ao día nas obrigas coa Facenda autonómica.
f) Documentación fiscal que acredite os ingresos agrarios percibidos no período impositivo dispoñible máis recente.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A aplicación e verificación da figura de agricultor activo realizarase segundo o establecido no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para obter da Axencia Estatal da Administración Tributaria a información fiscal necesaria. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar a documentación fiscal que acredite os ingresos agrarios no período impositivo dispoñible máis recente e toda aquela outra documentación que for necesaria para acreditar a dita condición. No caso particular de solicitantes persoas xurídicas, sempre se deberá declarar na solicitude o total de ingresos agrarios percibidos no período impositivo dispoñible máis recente. O órgano xestor, despois de verificar os datos declarados, solicitará, se o considera necesario, a documentación xustificativa dos ingresos declarados.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude .
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar após a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.