Pode beneficiarse destas achegas calquera persoa ou entidade que solicitase dita subvención a través dun dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural que hai no territorio galego
Estas axudas buscan mellorar as condicións para crear e manter o emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a súa calidade de vida
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pola que se amplía o crédito orzamentario das axudas para a execución de proxectos da medida Leader, dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Así, o orzamento pasa dos 16,5 aos 17,6 millóns de euros para as anualidades 2019 e 2020, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
Estas achegas teñen como finalidade desenvolver proxectos que dinamicen o rural galego, ben sexa a través de iniciativas de natureza produtiva, é dicir, que supoñan a realización dunha actividade económica, ou de carácter non produtivo, que sexan de interese público, social ou colectivo. Poden ser beneficiarios destas axudas calquera persoa ou entidade que solicitase dita subvención a través dun dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural que hai no territorio galego. Esta ampliación de crédito faise para poder dar resposta a un maior número de solicitudes presentadas que cumpran cos requisitos establecidos pola orde, xa que o prazo de presentación de solicitudes finalizou o pasado 31 de maio.
Cabe lembrar que a asignación total da medida Leader para o período 2014-2020 é de 84 millóns de euros. Os seus principais obxectivos pasan por mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida. Trátase tamén de favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial ás mulleres, aos mozos, ás persoas con discapacidade ou maiores.
Outros fins que se perseguen son os de garantir a sustentabilidade da actividade no rural, mediante o coidado e a utilización adecuada dos recursos naturais, potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e contribuír á concienciación e adaptación #ante o cambio climático, fomentando o uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética